Saturday 27 de April de 2024

O Concello organiza unha andaina pola igualdade e obradoiros educativos para conmemorar o 8M


● A andaina terá lugar o Día da Muller, venres 8 de marzo, con saída ás 17 horas da estatua da muller palilleira.

● Os obradoiros están dirixidos ao alumnado de educación primaria do CEIP de Camelle, CEIP de Camariñas e do CEIP Ponte do Porto.

O Concello de Camariñas conmemorará o Día Internacional da Muller, do 8 de marzo, cunha andaina pola igualdade e coa realización de diversos obradoiros educativos dirixidos aos rapaces e rapazas de educación primaria dos centros educativos do municipio.

A andaina terá lugar o mesmo venres 8 de marzo e a saída está prevista para as 17 horas desde a estatua da muller palilleira, na praza da Insuela. Para participar é necesario anotarse previamente chamando ao número de teléfono 686732808.

Por outro lado, realizaranse obradoiros educativos e de visibilización para reivindicar a igualdade no CEIP de Camelle (4 de marzo), CEIP de Camariñas (5 e 6 de marzo) e no CEIP Plurilingüe da Ponte do Porto (7 de marzo).

O alumnado de 1º e 2º de primaria asistirá á actividade ‘Mulleres referentes’, na que se explorarán as diversas mulleres que consideran como referentes, requirindo a colaboración activa das familias, que enviarán unha fotografía para incorporala á ficha desa muller referente. Esas fichas crearán un mural que se exhibirá nalgún lugar do municipio.

O alumnado de 3º e 4º de primaria participará en ‘A importancia da igualdade’, unha actividade na que se busca abordar os estereotipos de xénero que fomentan relacións desiguais, co obxectivo de concienciar sobre a igualdade de trato.

Por último, os alumnos de 5º e 6º de primaria participarán en ‘Que é o feminismo?’, onde abordarán os conceptos fundamentais de igualdade, machismo, roles de xénero, entre outros.